II EDICIÓN DO FESTIVAL CURTAS ARMADIÑA

A segunda edición de Curtas Armadiña, festival de curtas creado en Poio, celebrarase do 18 ao 20 de novembro no Casal de Ferreirós. Este certame, organizado pola ACDeM Armadiña e a Concellaría de Cultura de Poio e co apoio da Deputación de Pontevedra, ten por obxectivo ofrecer un espazo de valorización da curtametraxe, así como fomentar a creación deste tipo de obras no sector audiovisual galego.

Este ano, o festival componse de dúas seccións: a sección oficial, na que se deron cabida a curtametraxes dun máximo de 20 minutos realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2015 e rodados nas linguas oficiais de España (de non ser o caso, as obras debían enviarse subtituladas ao galego ou ao español) e na sección de memoria histórica, destino de proxectos audiovisuais dun máximo de 30 minutos realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2013, subtitulados ao galego ou ao castelán no caso de que esta non fose a súa lingua principal e no cal o argumento debía «mostrar o esforzo consciente dos grupos humanos por entroncar co seu pasado, sexa este real ou imaxinado, valorándoo e tratándoo con especial respecto».

O festival comezará o 18 de novembro ás 19:00 h cunha conferencia sobre as orixes do cinema en Galicia a cargo de Severiano Casalderrey. Tras esta charla introdutoria proxectarase Miss Ledya, obra de Xosé Gil considerada o primeiro filme de ficción galega, a quen Casalderrey poñerá música ao vivo. Miss Ledya narra a chegada a Pontevedra de Miss Ledya Katson e do seu tío, ambos procedentes dos Estados Unidos, e a súa estancia na Illa da Toxa. Entre os actores de reparto destaca a presencia do escritor galego Castelao. Esa mesma noite, a partir das 22:00h, proxectarase o primeiro grupo de curtametraxes: Nebra, Un día perfecto, Kataneta, Cuenta con nosotros, La niña que notaba algo raro, Vida en Marte, reStart, Abre fácil, Postales e 77K.

Durante a segunda xornada de proxeccións, o festival ofrecerá dúas sesións nas que se exhibirán dúas listaxes de curtametraxes diferentes. O sábado pola tarde, a partir das 19:30 h, as obras proxectadas serán MMM, Preso de Guerra, ¿Cuánto pesa un oso polar?, Sen palabras, La habitación, Share o no share e Mírame. No pase nocturno, que comezará ás 22:00 h, os asistentes poderán gozar da Noche de Todos los Santos, Sr. X, Una vez, 1 minutito, Criaturitas, Propiedad privada, Visados, Saying, Gótico Pi, Ladrones de tiempo e Macho alfa.

O domingo pola tarde, tras unha mañá na que Flip Corale entregará ao festival a súa clave de rock, chegará a última sesión de proxeccións, na que figurarán Al llau del pozu, Lurna, El préstamo, Love is in the air, Un lugar, Monstruos, El trastero e Cartas a Superman. Ás 19:30 h, baixo a dirección da actriz Bea Campos, dará comezo a gala na que se entregarán os premios del festival: a Áncora Castelao, premio de 300 € á mellor obra de memoria histórica; a Áncora de Prata, dotada con 250 € e concedida polo público; e a Áncora de Ouro, galardón de 500 € outorgado polo xurado desta edición, composto por Nano Besada, María Vázquez, Daniel Froiz, Adrián González e Sergio Pazos, grandes referencias do cine e da televisión galega. A cada un das tres obras premiadas se lles fará tamén entrega dunha peza escultórica realizada polo artista local Chuco Briones.

Máis información:

1. Páxina oficial: http://curtas.armadinha.gal/
2. Facebook: https://www.facebook.com/curtas.armadinha/?fref=ts
3. Twitter: https://twitter.com/curtasarmadinha?lang=es
4. Díptico: https://www.dropbox.com/s/mv6qi067vdrsm0q/D%C3%ADptico_A5_Armadi%C3%B1a_Curtas_16_v4.pdf?dl=0
5. Cartel: https://www.dropbox.com/s/fc80hocgdxy93b4/armadi%C3%B1a_curtas_2016_v4_Castelao.jpg?dl=0
6. Banner:https://www.dropbox.com/s/3xheldl6cxa4k99/Curtas_Armadi%C3%B1a_2016_Banner.jpg?dl=0

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close