Convértete en cineasta

O Curtas Armadiña 2017 arrinca o próximo luns 13 de novembro coa súa edición máis completa e innovadora. Alén das seccións oficial, medioambiental, animación, do premio ao mellor videoclip en galego dos dous últimos anos, de diversos coloquios e proxeccións, o festival de cinema poiense ofrece este ano diversos obradoiros gratuitos destinados a todos os públicos nos que se poderán adquirir ferramentas para mergullarse en distintas vertentes do sector audiovisual.

O primeiro obradoiro terá lugar o luns 13 de novembro. Nel, o director e guionista Vicente Pedreira introducirá aos asistentes no proceso de creación dun guión e dirección dun filme. No segundo, que se impartirá o martes 14, Diego Abalde será o encargado de achegar ferramentas para crear boas fotografías e tamén exporá a importancia da figura do director de fotografía. O mércores 15 de novembro, o público terá a oportunidade de coñecer máis de preto o proceso de montaxe dun filme da man dos dous condutores dos obradoiros do luns e do martes. Estes tres obradoiros terán lugar no Centro Cultural Xaime Illa (Raxó), en horario de 19:00 a 21:00 h.

O último obradoiro estará destinado ao público infantil e desenvolverase en tres sesións consecutivas dunha hora o sábado 18 en horario de 10:30 a 13:30. Nel, a rapazada daralle vida á plastilina coa finalidade de que a produtora Illa Bufarda edite despois unha curta experimental.

As inscricións poden realizarse desde xa mesmo a través da sección ‘Obradoiros’ da páxina oficial do certame http://curtas.armadinha.gal/. As prazas son limitadas, polo que se recomenda ao público interesado que se anote canto antes. Estas actividades están organizada pola ACDeM Armadiña co apoio da Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio.

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close