Xurado Oficial Curtas Armadiña 2018

O festival Curtas Armadiña, organizado pola ACDeM Armadiña, presenta os integrantes do xurado deste ano, que se encargarán de escoller a mellor curtametraxe da Sección Oficial e da Sección de Animación da cuarta edición do certame, que se celebrará do 12 ao 18 de novembro en Poio. As pezas gañadoras daranse a coñecer na gala final que terá lugar na tardiña do 18 de novembro. O xurado está composto por Pablo Cacheda, Juan de Castro, Laura Doval, María Roja e Pilar Varela, esta última en representación da asociación organizadora.

  • Pablo Cacheda fórmase en imaxe e montaxe na Escola de Imaxe e Son de A Coruña e en diversos cursos especializados. Compaxina traballos de gravación e montaxe coa docencia audiovisual e a dirección, e no 2013 crea a marca/produtora Volvemos a Primera. Ten traballado en produtoras de distintas series e programas e dirixido varias obras de ficción, entre as que figuran catro curtametraxes (“Momentos captados dunha realidade xa inexistente”, “A Estadea”, “Aquí hay Gato” e “Unhas clases do social a tempo”), a webserie referente “Clases de lo Social” e a curta musical “Superpunky”.
  • Juan de Castro vén profesionalmente do eido da enxeñería e a arquitectura, mais no último lustro concentra todas as súas enerxías na xestión cultural e na produción de proxectos e eventos culturais. É presidente de Reencanto Producións, entidade organizadora do Festival Primavera do Cine en Vigo e do Galician Freaky Film Festival, sendo o director de ambos certames. Foi convidado como xurado e programador en festivais de cinema en España e Portugal.
  • Laura Doval Vallejo é licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e socia e responsable de comunicación da produtora Gaitafilmes. Traballou como produtora en curtas como “A Porta” ou “Dous días dicen” de Gaitafilmes e como produtora executiva e xefa de comunicación na longametraxe Dhogs, gañadora de 13 Premios Mestre Mateo no 2018. Alén do audiovisual traballou como Técnica de Marketing para o xornal El Progreso e na actualidade é Social Media Manager na axencia de marketing dixital Roi Scroll de Vigo.
  • María Roja é actriz, performer e artista visual licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas e Titulada Superior en Arte Dramática. Formou parte de diversas compañías (entre outras, Centro Dramático Galego, Matarile, Xarope Tulú, Inversa Teatro e Aporía Escénica) e ten traballado baixo a dirección de Ignacio Vilar, Alexandre Cancelo, Breogán Riveiro, Simón Casal e Fon Cortizo. Participou nas series de televisión Hospital Real, Dalia, a modista e O sabor das margaridas. Cofundou os colectivos de arte de acción áIntemperie, Ohn e Blanco&Roja. Recibiu o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria por O Tolleito de Inishmaan e foi nomeada a Mellor Actriz Protagonista por Martes de Carnaval. Actualmente compaxina o labor investigador co traballo creativo nos eidos das artes escénicas e visuais.
  • Pilar Varela intégrase no xurado como representante da ACDeM Armadiña. Cursou estudos de psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Leva vencellada a esta asociación desde o ano 2012 e é membro da comisión organizadora do Curtas Armadiña desde os seus comezos. Activista en diferentes movementos sociais, é asidua a súa colaboración nas diversas produccións audiovisuais levadas a cabo polo colectivo organizador do Festival Curtas Armadiña.

A edición deste ano, aberta a España e Portugal e que terá por obxectivo a integración das persoas con discapacidades intelectuais, pechou o seu prazo de envíos o pasado mes de xullo e a ela presentáronse arredor de 900 pezas audiovisuais. Alén da Sección Oficial e da Sección de Animación, o certame Curtas Armadiña tamén abrangue unha Sección Medioambiental e unha Sección Videoclips, que contarán con xurados específicos. Ao igual que o ano pasado, entregarase o premio Áncora de Honra, un galardón simbólico que se lle concederá a unha persoa do ámbito audiovisual cuxa traxectoria debe ser honrada, visibilizada e valorizada.

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close