XURADO OFICIAL CURTAS ARMADIÑA 2019

 

Belén Constenla, Fon Cortizo, Mariana Carballal,  Romina Doce e Xosé Manuel Esperante conforman o xurado da quinta edición do Curtas Armadiña, certame audiovisual organizado pola ACDeM Armadiña que se celebrará do 11 ao 17 de novembro e no que este ano compiten curtametraxes en lingua galega, curtametraxes localizadas en Galicia e curtametraxes producidas por produtoras de Galicia ou de fóra de Galicia cuxa dirección sexa galega.

Belén Constenla é unha actriz cunha longa traxectoria na televisión, en canles autonómicas e estatais (Serramoura, Pazo de familia, Padre Casares, Escoba, Pratos Combinados; Matadero, Isabel, Hospital Central ou El comisario, entre moitas outras), como no cinema (La playa de los ahogados, Vilamor, Pradolongo, Dos fragmentos/Eva) e no teatro. O seu traballo foi destacado en tres ocasións nos premios de teatro María Casares e o seu labor en Los muertos van deprisa foi premiado nos Mestre Mateo 2009.

Fon Cortizo é un director e guionista vigués que, despois de Contrafaces (2016), percorre os principais festivais galegos e internacionais con tres curtametraxes documentais, Aysha (premiado no festival de Nova Iorque DUAF e no Curtocircuíto), Americano e Filomena. Na actualidade traballa na súa primeira longametraxe de ficción, 9 Fugas.

Mariana Carballal é directora e recoñecida actriz de teatro, televisión e cinema. Traballou en series de televisión como Fariña, Serramoura, Casa Manola, Mareas Vivas, Terras de Miranda, Pratos Combinados ou O show dos Tonechos; Vivir sin permiso, Hospital Central, Manos a la obra ou Nada es para siempre; tamén en filmes como Quien a hierro mata, Elisa y marcela, La piel que habito ou O ano da carracha. É a creadora e directora da sitcom Escoba! para a TVG e dirixiu os 50 primeiros capítulos de Libro de familia. Exerceu de directora e presentadora en distintas galas, dirixiu obras de microteatro e exerceu como docente en distintas ocasións.

Romina Doce é unha produtora nada en Bos Aires que se afincou hai dezaoito anos en Galiza, terra dos seus avós. Cursou estudos de Produción Audiovisual en Vigo e posteriormente fundou en Pontevedra en 2008 Producciones Mutantes, empresa cunha ampla experiencia no mundo da publicidade e o videoclip.

Xosé Manuel Esperante é un actor que compaxina a súa actividade no eido teatral coa participación en diferentes  proxectos audiovisuais. Traballou en longametraxes como Quien a hierro mata, Lobos sucios, El tiempo de Plácido Meana, O ano da carracha ou Fragmentos de Brand; en curtametraxes como Inútil, pola que acadou o Premio ao Mellor Actor no Festival de Curtametraxes de Noia, Inercia ou A Subela. A Estiba, Fariña, Hospital Real, El comisario, Amar en tiempos revueltos ou O clube da calceta son algunhas das series de televisión onde podemos velo.

O Xurado Oficial escollerá as pezas que gañarán a Áncora de Ouro (1 000 euros e trofeo) e a Áncora á Mellor Curtametraxe Animada (500 euros e trofeo). O público asistente será o encargado de escoller a Áncora de Prata (500 euros e trofeo) e a Áncora ao Mellor Vídeo Musical será outorgado por alumnado do instituto local (300 euros e trofeo). Por segundo ano, CREA, a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia, colaborará co certame entregado o Premio á Mellor Dirección.

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close