OBRADOIROS CURTAS ARMADIÑA 2019

O certame audiovisual Curtas Armadiña ofrece no marco da súa quinta edición tres obradoiros de balde destinados a persoas maiores de 16 anos, que terán lugar no Fogar Armadiña de Combarro.
O luns 11 de novembro terá lugar o primeiro obradoiro para persoas adultas a partir das 19:00 horas, titulado ‘Quero producir! Aspectos básicos da produción, rodaxe e distribución dun filme’. Estará dirixido por Laura Doval, social media manager, socia cofundadora da produtora Gaitafilmes e produtora executiva e xefa de comunicación do filme Dhogs. Falarase de produción executiva, produción de campo, desenvolvemento de proxectos, equipos técnicos e artísticos, e tamén se ofrecerán unhas pinceladas de márketing e distribución.
O martes 12 de novembro, tamén a partir das 18:00, será a quenda do son cunha ‘Introdución ao audio para ficción’ impartida por Pablo Viña, técnico de bandas e captación/postprodución. As persoas asistentes serán capaces de establecer a grandes trazos o deseño de captación e postprodución dun guión de ficción.
O mércores 13 de novembro, o actor Xosé Manuel Esperante, cunha ampla experiencia tanto no audiovisual como no teatro, dirixirá a partir das 18:00 ‘Que non te pillen actuando!’, no que converxerán reflexións e prácticas desde a cinefilia e a experiencia profesional arredor do traballo actoral no cinema. Cómpre traer roupa cómoda.
As inscricións para estes tres obradoiros realizaranse a través do correo curtas.armadinha@gmail.com indicando nome do obradoiro, nome completo, data de nacemento e número de teléfono. As inscricións aceptaranse por orde de chegada e establécese un máximo de 15 prazas por obradoiro.

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close