O certame audiovisual Curtas Armadiña ofrece no marco da súa quinta edición tres obradoiros de balde destinados a persoas maiores de 16 anos, que terán lugar no Fogar Armadiña de Combarro.
O luns 11 de novembro terá lugar o primeiro obradoiro para persoas adultas a partir das 19:00 horas, titulado ‘Quero producir! Aspectos básicos da produción, rodaxe e distribución dun filme’. Estará dirixido por Laura Doval, social media manager, socia cofundadora da produtora Gaitafilmes e produtora executiva e xefa de comunicación do filme Dhogs. Falarase de produción executiva, produción de campo, desenvolvemento de proxectos, equipos técnicos e artísticos, e tamén se ofrecerán unhas pinceladas de márketing e distribución.
O martes 12 de novembro, tamén a partir das 18:00, será a quenda do son cunha ‘Introdución ao audio para ficción’ impartida por Pablo Viña, técnico de bandas e captación/postprodución. As persoas asistentes serán capaces de establecer a grandes trazos o deseño de captación e postprodución dun guión de ficción.
O mércores 13 de novembro, o actor Xosé Manuel Esperante, cunha ampla experiencia tanto no audiovisual como no teatro, dirixirá a partir das 18:00 ‘Que non te pillen actuando!’, no que converxerán reflexións e prácticas desde a cinefilia e a experiencia profesional arredor do traballo actoral no cinema. Cómpre traer roupa cómoda.
As inscricións para estes tres obradoiros realizaranse a través do correo curtas.armadinha@gmail.com indicando nome do obradoiro, nome completo, data de nacemento e número de teléfono. As inscricións aceptaranse por orde de chegada e establécese un máximo de 15 prazas por obradoiro.